Abrir o menú principal

Desgalipedia β

Axuda:Tutorial/Lingua galega 1

O alfabeto galego componse das seguintes letras:

O alfabeto galego
Grafía Nome
a a
b be
c ce
d de
e e
f efe
g gue
h hache
i i
l ele
m eme
n ene
ñ eñe
o o
p pe
q que
r erre
s ese
t te
u u
v uve
x xe
z zeta

Ademais, na ortografía galega utilízanse tamén os seguintes dígrafos que representan un único son:

Dígrafos usados no galego
Grafía Nome
ch ce hache
nh ene hache
gu gue u
qu que u
ll ele dobre
rr erre dobre

Cómpre ter en conta que ...

  • Ademais destas letras úsanse tamén outros signos como j (iota),k (ka), ç (cedilla), w (uve dobre), ou y (i grego), que aparecen en palabras tomadas doutros idiomas. Algúns exemplos son: jazz, Valença do Minho, Kafka, wáter-polo e whisky.
  • A letra x (xe) representa no galego normalmente un son palatal semellante ao francés cochon coma en xamón, xouba, coxo e paxaro. Este son aparece con moita frecuencia nas voces patrimoniais ou nos préstamos adaptados ao galego, por exemplo xersei.
  • Pero co x representamos tamén outro son, o que se pronuncia [s], [gs] ou [ks], que aparece en palabras de procedencia culta tales como texto, extensión, exame, existir, léxico, boxeo.
  • O son representado pola grafía nh das palabras unha, algunha e ningunha, constitúe xunto co x un dos sons máis característicos do galego, co que as persoas que comezan a falar a lingua atopan máis problemas.

Se sabedes falar galego non vos cómpre esta páxina, pero, se falades español ou sodes neofalantes do galego, reparade nestas normas, fundamentais para o correcto emprego da nosa lingua.

As grafías

Non atopamos en galego as grafías GE, GI, J e Y:

  • Cando en español aparece ge, gi, en galego aparece xe, xi, por exemplo en xénese, xermánico, ximnasio e xitano. A letra x representa un son coma o ch francés.
  • Cando en español aparece j, en galego aparece normalmente x como en exemplo, xamón, caixa, monxa, faixa, reixa; aínda que non é sempre así, ás veces aparece ll, por exemplo en lentella, cella, parella, agulla e palleira.
  • O galego carece de y, normalmente aparece i como en iodo, raia, hoxe, e (cast. y) ou ll como en pallaso. Tamén é posible a solución lenda.

Ademais, son pouco frecuentes os seguintes ditongos que só se conservan nalgúns cultismos:

  • ua: está en cuarto, cuartel ... aínda que o máis frecuente é cadro, catro, cartos, corenta ...
  • ue: consérvase en consecuencia, frecuente ... pero o máis usual é: podo, roda, morte, sorte, moa ...
  • ie: está en ambiente, sociedade ... pero o máis frecuente é: quero, pedra, serra, terra ...

Pola outra banda son abundantes as palabras cos seguintes ditongos:

  • ou: cousa, dous, outro, chourizo ...
  • oi: coidar, moito, loito, noite, troita ...

Gramática

A colocación dos pronomes

Como regra xeral, o pronome en galego vai detrás pegado ao verbo, por exemplo deille un regalo; miroume para os ollos.

Ás veces, por influencia de certas palabras (non, que, quizais, tamén, ...), o pronome vai diante do verbo, como en ¿aínda non cho dixo? e quizais te convide a xantar.

Os tempos verbais compostos

En galego non hai tempos verbais compostos, é dicir, tempos formados polo verbo haber + participio. En vez de *he cantado, empregaremos cantei (Sería un erro empregar a perífrase teño cantado, pois esta só debe ser usada cando se quere expresar un feito que se repetiu no pasado) En vez de *habías cantado, usaremos cantaras e en vez de *houbeses cantado, empregaremos cantases.

O artigo co posesivo

Na meirande parte dos casos é obrigatorio o uso do artigo co posesivo, por exemplo: a miña casa, a túa amiga, o meu lapis, as nosas lembranzas.

Nos vocativos, o posesivo non leva artigo: ¡miña nai!

Cos nomes de parentesco é optativo o uso do artigo co posesivo: (os) meus pais, (a) miña avoa.

Pronuncia

O "n" velar

O "n" velar é un son que o galego non comparte coas linguas veciñas. Os casteláns falantes, coñecedores deste feito, tenden a realizalo en contextos en que a súa pronuncia é incorrecta, debido fundamentalmente ó feito de que o castelán soe apoiar a pronuncia das palabras átonas sobre o acento tónico seguinte, mentres que o galego realiza ese apoio sobre o acento tónico anterior (de aí a segunda forma do artigo).

É incorrecto pronunciar o "n" velar en secuencias en que logo dunha palabra rematada en -"n" ("n" implosivo final de palabra) se encontra un artigo (o, a, os, as) ou un persoal de obxecto directo (o, a, os, as):

  • Non o sei pronunciarase [nó no]...
  • Ben o sei pronunciarase [beno]...

Para máis información sobre a cuestión pódese consultar, se se consegue na biblioteca de filoloxía, a tese de doutoramento de Rosario Álvarez Blanco, "O pronome persoal en galego". Univ. Santiago, 1980 (inédita no 2003).

A segunda forma do artigo

Como xa dixemos, o castelán soe apoiar a pronuncia das palabras átonas sobre o acento tónico seguinte, mentres que o galego realiza ese apoio sobre o acento tónico anterior, isto provoca a aparición da Editando segunda forma do artigo (lo, la, los, las).

Hoxe en día non é necesario facer a contración que implica a aparición da segunda forma do artigo, pero é incorrecta calquera pronuncia que non a desenvolva.

Extensión ante estender

Observaranse na escrita da nosa lingua reducións de grupos consonánticos cultos do tipo "ks" > "s"; non é capricho. A aparición do grupo "Ks" implica que a vogal anterior é medio aberta, se hai redución, como en "estendo", a pronuncia da vogal anterior é medio pechada.

Coa, coas

A pesar de ser esta a representación escrita desta contracción (preposición "con" + artigo feminino), a pronuncia é [ka], [kas].

Signos fonéticos 1.jpg

As vogais son articulacións abertas, polo que o aire sae ó exterior sen obstruccións. Durante a súa emisión os órganos articulatorios deixan unha canle máis ou menos ampla sen que ningún órgano se interpoña na corrente de aire en vibración.

Sistema vocálico tónico do galego

Onde mellor se distinguen as vogais dunha lingua é nas 'sílabas tónicas', ou sexa, naquelas que levan acento, porque estas sílabas, ao recibiren a maior forza de articulación son as que se pronuncian con máis claridade de matices. Cando falamos de sílabas tónicas referímonos ao acento da fala, non ao acento da escrita ou til. Polo tanto, consideramos sílabas tónicas as que aparecen en cursiva nas seguintes palabras, con ou sen acento gráfico: último, dólar, amigo, café, andar, sol.

As sílabas tónicas, polo tanto, son as que mellor nos permiten establecer o sistema vocálico galego. Nas 'sílabas átonas', aquelas que non levan a forza e articulación da palabra, as vogais aparecen máis débiles e, polo tanto, menos matizadas. Compróbase pronunciando as palabras: cálido, cereixa, xente, nas cales as sílabas átonas aparecen en cursiva.

Para o estudo dos sons vocálicos téñense en conta no caso da lingua galega os trazos de abertura, localización1:

  • Abertura: as vogais galegas poden clasificarse en catro graos principais: aberta, semiaberta, semipechada, pechada.
  • Localización: Tendo en conta a posición da lingua, danse tres localizacións básicas: anterior, central e posterior.

De todos estes trazos resulta o seguinte cadro vocálico :

Vocalismo galego tónico.jpg

Consoantes

Os fonemas consonánticos da lingua galega caracterízanse mediante os seguintes trazos pertinentes:

  1. Sonoridade. Segundo se produza ou non vibración das cordas vocais. SONORAS / XORDAS
  2. Modo de Articulación: Segundo a posición que tomen os órganos articulatorios no momento da expulsión do aire:
    1. Oclusivas: A saída de aire obstaculízase momentaneamente por completo para a continuación expulsarse este de golpe
    2. Fricativas: Estréitase a cavidade bucal de tal xeito que o aire sae rozando.
    3. Africadas: Constan de dous tempos. Un primeiro oclusivo e outro fricativo.
    4. Nasais: Parte do aire é expulsado polas fosas nasais.
    5. Laterais: A lingua elévase de tal xeito que o aire ten que saír polos lados da cavidade bucal
    6. Vibrantes: Na súa saída o aire fai vibrar unha ou varias veces a punta da lingua.
  3. Punto de articulación: Segundo o lugar concreto en que se produce cada fonema distinguimos:
    1. Bilabiais: Os beizos entran en contacto momentaneamente
    2. Dentais: A lingua toca a parte interna dos incisivos interiores
    3. Labiodental: O beizo inferior roza os incisivos superiores
    4. Interdentais: A punta da lingua colócase entre os dentes superiores e inferiores.
    5. Alveolares: A punta da lingua toca ou aproxímase ós alvéolos dos incisivos superiores.
    6. Palatais: A lingua toca o padal duro
    7. Velares: A lingua toca o veo do padal ou padal brando.



Exercicios

Exercicio 1

Salienta os fonemas comnsonánticos oclusivos da seguinte secuencia'

A normalización lingüística é o proceso tendente a converter unha lingua no vehículo normal de comunicación dunha comunidade.

Exercicio 2

Salienta as fonemas comnsonánticos fricativos da seguinte secuencia

Cada lingua debe cumprir no seu territorio propio e orixinario a totalidade das funcións posibles, sen o intrusismo doutras linguas que xa teñen de por si o seu territorio e a súa comunidade natural propios.

Exercicio 3

Salienta as fonemas comnsonánticos nasais da seguinte secuencia

A lingua é o medio básico de comunicación e de recoñecemento mutuo para os membros dunha sociedade.

Exercicio 4

Salienta as fonemas líquidos laterais e líquidos vibrantes da seguinte secuencia

A lingua precisa da concreción dunha comunidade para a súa materialización, e a sociedade da lingua para a súa realización comunitaria. Desprezando a lingua, individuo e sociedade estarán tolleitos.

Exercicio 5

Define o fonema consonántico da palabra "cheo"

Exercicio 6

Exemplifica colocando os fonemas consonánticos correspondentes na fila inferior

bilabiallabiodentalinterdentaldentalalveorlarpalatalvelar
b



Solucións

Exercicio 1

A normalización lingüística é o proceso tendente a converter unha lingua no vehículo normal de comunicación dunha comunidade.

As consoantes oclusibas son as presentes nas palabras bodega (consoantes oclusivas sonoras) e petaca (consoantes oclusivas xordas

Exercicio 2

Cada lingua debe cumprir no seu territorio propio e orixinario a totalidade das funcións posibles, sen o intrusismo doutras linguas que xa teñen de por si o seu territorio e a súa comunidade natural propios.

Exercicio 3

A lingua é o medio básico de comunicación e de recoñecemento mutuo para os membros dunha sociedade.

Exercicio 4

A lingua precisa a concreción dunha comunidade para a súa materialización, e a sociedade da lingua para a súa realización comunitaria. Desprezando a lingua, individuo e sociedade estarán tolleitos.

Exercicio 5

Fonema consonántico, africado, palatal, xordo.

Exercicio 6

bilabiallabiodentalinterdentaldentalalveorlarpalatalvelar
b, m, pfzd, ts, n, l, rx, ch, ñ, llg, k, n (unha)



Vogais

  • /i/: vocal anterior pechada
  • /e/: vocal anterior semipechada
  • /ɛ/: vocal anterior semiaberta
  • /a/: vocal media aberta
  • /ɔ/: vocal posterior semiaberta
  • /o/: vocal posterior semipechada
  • /u/: vocal posterior pechada.

Este é o sistema de sete vocais que encontramos en posición tónica e que ten a súa orixe nun sistema latino de 10 elementos, modificado profundamente na lingua falada coa desfonoloxización da cantidade vocálica. Ó ser o galego herdeiro directo do sistema latino e estar cada unha das sete vocais condicionada pola etimoloxía cabería esperar que cada palabra tivese idéntico vocalismo en todo o territorio, mais isto non se cumpre en tódolos casos. No vocalismo tónico, dous casos rompen a regularidade: unha consoante nasal trabando sílaba e o fenómeno da metafonía, fenómenos, ámbolos dous, característicos da dialectoloxía galega.

Outra terminoloxía

  • Velares, é dicir, pronunciadas contra a parte de atrás da boca:
o /u/: uso, difuso, hindú
o /o/ ("o pechado"): mozo, sodes
o /O/ ("o aberto"): ovo, feixó
  • Palatais, ou sexa, pronunciadas contra a parte anterior da boca:
o /i/: uso, difuso, hindú
o /e/ ("e pechado"): este, pequeno
o /E/ ("e aberto"): é, pedra
  • Central, é dicir, non marcada nin como anterior nin como posterior:
o /a/: casa, cantar

As vogais /o/ e /O/, por unha banda, e /e/ e /E/ pola outra, aparecen representadas por unha única letra e e o. Isto significa que soamente pola grafía non podemos adiviñar se unha palabra se pronuncia con e ou o abertos ou pechados.

Consoante nasal trabando sílaba

A vogal posterior que etimoloxicamente debía ser semiaberta, péchase un grao diante de nasal implosiva: /’koNtO/, /’foNtE/, /’poNtE/, tamén /’donO/ (> *dɔmno > DOMINU). No galego asturiano, e en puntos illados do galego oriental poden encontrarse con vocal semiaberta, porque nesas falas todo "o" ante nasal é aberto: /’lɔNbO/, /la’kɔN/.

Na serie anterior ("e"), a pechazón por "n" implosivo ocupa unha área de extensión diversa, partindo do oeste a noroeste: /’lɛNtO/ ∼ /’leNtO/.

Metafonía

A Metafonía é a abertura de /e/ ou /o/ por influxo de -a final ou a cerrazón de /ɛ/ ou /ɔ/ por -o na mesma posición:

Sen metafoníaCon metafonía
sɔgrosogro
mɛdomedo
horahɔra
elaɛla


Hai palabras que escapan por completo ó fenómeno da metafonía: folla, cego-cega, porco-porca; tampouco chegou a actuar en toda a totalidade do dominio lingüístico galego. Os datos que se coñecen indican con claridade que este proceso tivo a súa orixe en puntos do galego occidental e que se foi difundindo cara ó galego central, ó que afectou de maneira variable.

As vogais tónicas en galego, portugués e español

portugués e galego español
tErra tierra
pEdra piedra
cEgo ciego
fOrte fuerte
mOrte muerte
cOsta cuesta

Sistema vocálico átono do galego

As vogais átonas caracterízanse por unha menor perceptibilidade por mor de teren menor duración e menor intensidade cás tónicas.

Na actualidade, vénse admitindo que en posición pretónica se manteñen as sete vogais presentes na posición tónica2 (véxase imaxe do sistema vocálico do apartado anterior). En posición átona medial de palabra, redúcense a cinco (arquifonema E e O)3.


En posición final de palabra as vogais galegas redúcense a 34:


1. Hai dous trazos máis para definir as vogais, pero en galego non son pertinentes. Son a labialización e a nasalidade:

A Labialización ou redondeamento é unha característica inherente das vogais posteriores, aínda que tamén poden acharse vogais anteriores labializadas (en certos contextos).
En xeral na emisión das vocais o aire sae exclusivamente pola boca, xa que o veo do padal está pegado á parede da farinxe impedindo que pase ás cavidades nasais, e así temos vocais orais (representadas no cadro). Pero se o veo do padal está baixado o aire sae simultaneamente pola canle bucal e pola nasal, producíndose entón vocais oronasais (ou nasais). En galego calquera vocal pode realizarse máis ou menos nasalizada por contacto con consoante nasal.

2.Distínguense sete vogais a pesar de que esta oposición non rende moito: vɔtar oponse a botar, osiño a ɔsiño, etc.

3.En ningún caso a pronuncia semiaberta en posición átona medial dunha vogal de abertura media, no canto da habitual realización semipechada, provoca variacións no significado. Isto implica que a oposición entre vogal semiaberta e semipechada esta neste contexto neutralizada. Por mor diso falamos de que nesta posición hai uns arquifonemas /E/ e /O/.

4. O razoamento é igual ca no punto anterior (3), só que agora os fonemas /i/, /e/ e /ɛ/ están nutralizados en /E/; os fonemas /u/, /o/ e /ɔ/ están nutralizados en /O/

Exercicios sobre as vogais galegas

Exercicio 1


SemiabertoIndica o significado destas palabras SemipechadoIndica o significado destas palabras
BéstaBesta
BólaBola
CordaCorda
DoceDoce
FixemosFixemos
FóraFora
MesMes
NetoNeto
NósNos
OlaOla
ÓsoOso
PegadaPegada
PrésaPresa
PólaPola
PoloPolo
VelaVela
VénVen
VésVes
So
PegaPega



Solucións

Exercicio 1


SemiabertoSignificadoSemipechadoSignificado
Béstaarma que guinda frechasBestaanimal de carga
Bolacorpo esféricoBolapan
Cordapara atarCordacon xuízo
DocesaborDocenúmero
FixemosfacerFixemosfixar
ForaadverbioForaverbo
Mescereais madurosMes30 días
NetofamiliarNetolimpo ou puro, medio litro
Nóspersoal tónicoNospersoal átono
Olainterx. (saúdo;admirac.)Olapota, arroba ou cántara
Ósoparte da osamentaOsoanimal
Pegadamarca feita co pePegadapegar
Présaestar apuradoPresaencoro
Pólaramificación, rama, gallaPolapita
Polocontrac. por + oPologalo novo, pito
VelavelameVelaver
Vénpresente de indicativo de virVen Imperativo de vir e presente de ver
VésVirVesVer
AdverbioSoPreposición
PegapegarPegapaxaro



Nocións para recoñecer a abertura das vogais

Presentan no sistema máis común vogal tónica semiaberta

  • As vogais de abertura media que portan un acento diacrítico: vén, só, póla, óso, présa,...
  • Os substantivos rematados en -el ou -ol e os seus plurais: anel, aneis, caracol, caracois.
  • Os verbos da 2ª conxugación con vogal radical -e- ou -o- que presentan alternancia vocálica, nas segundas persoas do Pres. Ind.: bebes, bebe, beben, comes, come, comen
  • Os verbos da 3ª conxugación con vogal radical -e- ou -u- que presentan alternancia vocálica, nas segundas persoas do Pres. Ind.: serves, serve, serven, foxes, foxe, foxen
  • As formas verbais do tema de perfecto (perfecto, pluscuamperfecto, imperfecto de subxuntivo e futuro de subxuntivo) irregular: coubeches, coubera, couber...
  • Os nomes das seguintes letras: e, efe, eme, eñe, erre, ese, o.

Presentan vogal tónica semipechada

  • Os verbos da segunda conxugación con vogal radical -e- ou -o- que presentan alternancia vocálica, na 1ª persoa do Pres. Ind., no Pres. Subx. E no Imperativo: bebo, beba, bebas. Como, coma, comas.
  • As formas dos verbos da primeira conxugación en que a vogal -e- ou -o- vai seguida de -i- ou de consoante palatal (grafías x, ch, ll, ñ respectivamente) e nos verbos rematados en -ear o -oar:
Deite, axexa, pechas, tellan, empeña, coxean.
Loita, despexas, acocha, ollan, soñas, voas
  • As formas do tema de perfecto dos verbos ser e ir: fomos, fora, fose, for.
  • As formas verbais do tema de perfecto regular: collemos, collera, collese, coller.
  • As formas do infinitivo: coller, collermos..., pór, pormos,...
  • Os nomes das seguintes letras: be, ce, de, gue, te, xe, ceta.
  • A maior parte das palabras acabadas en -és: coruñés, vigués, montañés,...
  • As palabras en que -o- forma ditongo con -u-: touro, tesouro,...
  • Os nomes acabados en: -edo (medo), -ello (cortello), -eo (feo), -eza (grandeza), -ón (corazón), -or (matador), -oso (fermoso).